asociación ser

Casa Quindós é un proxecto da Asociación Ser, unha entidade sen ánimo de lucro de carácter cultural e ambientalista que nace nos Ancares lucenses no 2017. A Asociación Ser ten por vocación participar no desenvolvemento deste territorio, na construción do presente e do futuro honrando o pasado. Ten os seguintes fins:

  • Contribuír a frear o despoboamento da Comarca dos Ancares no seu conxunto a través de accións que favorezan o seu desenvolvemento económico, social e cultural, de xeito sostible, inclusivo e respectuoso co medio natural e as formas de vida tradicionais, mellorando a calidade de vida da veciñanza.

  • Fixar poboación moza. Ser un referente de «utopía realizable» no medio rural galego.

  • Potenciar unha cultura de autoestima e de superación de complexos revalorizando o noso. Fortalecer a identidade cultural da comarca.

  • Buscar a inclusión social e luitar contra a soidade.

  • Favorecer o desenvolvemento económico da comarca fomentando a posta en valor dos recursos locais: agrícolas, gandeiros, forestais, patrimoniais, paisaxísticos, culturais e turísticos, a través de accións que fomenten o consumo de proximidade e a economía circular, e que resalten o valor engadido dos mesmos pola súa contribución á protección do medio natural ou dos xeitos de vida tradicional e sostible. Traballar por unha visibilización da comarca.

  • A protección e defensa do medio natural, dos ecosistemas, e da paisaxe, así como do xeitos de vida e actividades que favorezan a súa conservación, coñecemento e divulgación.

  • A colaboración con centros educativos da comarca, así como con entidades sociais, institucións públicas ou privadas, que presten servizos á veciñanza para a realización de actividades formativas e de asesoramento en consonancia cos fins da asociación.

  • Celebración de eventos culturáis e artísticos e residencias artísticas.

  • A dinamización cultural e social da comarca de Ancares.

A Casa Quindós ta ubicada na aldea de Vilela, no límite entre os concellos de Navia de Suarna lle Cervantes. Vilela foi unha das primeiras aldeas da zona que quedaron sen habitantes, nunha comarca que ten hoxe unha densidade demográfica de catro persoas e media por kilómetro cuadrado. Illada no fondo dun vale a estrada que accede a ela morre na propia aldea, unha aldea sen veciños, sen cobertura telefónica e cunha morfoloxía que practicamente impide o uso de maquinaria agrícola. Estes aparentes defectos ou imperfecciois representan tamén as súas principais virtudes: tódolos esforzos e sacrificios que este espazo esixe ós seus habitantes pode repercutir no seu crecemento persoal. A montaña dá quitando.

O obxectivo deste proxecto é cumprir con esa máxima que di que “Onde antes morre a vida, antes renace”.

Casa Quindós é un centro cultural, pero sobre todo unha casa que quer vertebrarse co seu entorno. Diversos proxectos de agricultura, gandaría e patrimonio teñen por fin recuperar e darlle un uso ás terras de Vilela, procurando a súa autosuficiencia e sostibilidade, lle, de paso, minorar o risco de incendios. Pretendemos que o proxecto sexa, así mesmo, dinamizador doutras iniciativas dos sectores agro-gandeiro, turístico, sociocomunitario lle ambiental na zona, con carácter sensibilizador, tanto pra poboación local coma pros que nos visiten de fóra. Ser, en definitiva, un espazo de experimentación de desenvolvemento rural que axude a atopar soluciois frente ás variadas problemáticas que encara a montaña lucense.

A sede llas oficinas da Asociación Ser tan situadas na Casa Quindós, edificada a finais dos anos sesenta sobre os restos dunha palloza. Quixemos respectar o nome da casa lle da familia que a habitou durante séculos, intentando vincular o centro ó enraizamento que tein as casas familiares das aldeas galegas. O

centro ta situado nun conxunto etnográfico de arquitectura local que acabamos de rehabilitar, formado por cuarto, forno lle horro. O edificio principal foi restaurado seguindo parámetros de «casa pasiva», converténdose no primeiro edificio privado de uso público da Galicia de consumo case nulo (ECCN). As antigas cortes da casa acondicionáronse como sala de traballo multifuncional na que se organizan obradoiros, conferencias, proxecciois de cinema, actividades de desenvolvemento rural lle encontros comunitarios de carácter social e cultural. O Cineclube da Montaña é o quinto cineclube existente na provincia de Lugo, un punto de encontro pros veciños da comarca dos Ancares.

As montañas dos Ancares tan situadas na periferia de Europa, España, e da propia Galicia. Zona de transición entre os climas atlántico, cantábrico lle continental-mediterráneo, esta é unha das zonas de España con maior diversidade de flora lle de fauna, o que lle valeu pra ser declarada Reserva da Biosfera pola Unesco, lle parte da Rede Natura 2000. A súa accidentada orografía conformada por vales en V sucédese lle multiplícase en tódalas direcciois, dando lugar a un territorio de fortes desniveis que van de pouco máis de 300 metros de altitude a 2000 en mui pouca superficie. Un territorio conformado por aldeas en lugares de mui difícil acceso, mui dispersas entre si, que ofrecen condiciois mui pouco favorables pro desenvolmento da agricultura intensiva lle mecanizada. Corzos, lobos, bizolos (aguias), rebecos ou osos, son, xunto aos humanos, outras especies en perigo de extinción que se atopan nestes vales refuxio.